Comunicado contra as sancións a colectivos e asociacións de Lugo

Somos diferentes colectivos, asociacións e centros sociais autoxestionados de Lugo que con distintos obxectivos, propósitos, e maneiras de funcionamento formamos parte viva da nosa cidade. As redes populares e asociativas que traballamos a pé de rúa somos imprescindibles para o desenvolvemento dunha vida plena, diversa e colectiva.

Son innumerables as actividades e obradoiros que realizamos dende os diferentes espazos fóra das lóxicas do lucro e o mercado, de xeito altruísta, solidario, dende a convicción e a satisfacción, e que teñen un valor cultural, social e político incalculable. E incalculables é como nos queremos manter, a contracorrente nuns tempos rexidos polo monetario, a competitividade e o mesurable.

Moitas vivimos, pola nosa propia filosofía, sen tan sequera subvencións, manténdonos unicamente coas cotas das compañeiras ou cos botes solidarios de sempre. Noutros casos as axudas son ínfimas en comparación con outras partidas orzamentarias, como as destinadas a grandes eventos puntuais que serven para que uns poucos fagan caixa e de autopromoción por parte das institucións.

Na liña deste modelo lucrativo que tende a monetizar todas as esferas da vida, asistimos a unha deriva privatizadora dos espazos públicos dos que dispoñemos, como o é, por parte do Concello, a adxudicación a unha empresa privada da xestión do Vello Cárcere e o auditorio Gustavo Freire ou, por parte da Xunta, a cesión da Casa da Torre da Tinaría a unha asociación de empresarios ignorando as nosas demandas de destinala á xestión directa e compartida da veciñanza.

Asemade vemos como, nos últimos tempos, as nosas redes populares están sendo paulatinamente acoutadas, mediante unha regulación cada vez máis constrinxente que nos trata como negocios privados e nos enfronta a auténticas marañas burocráticas cun custo económico inasumible para o tecido asociativo. A isto súmase en ocasións o asedio e afán persecutorio por parte das institucións, e máis concretamente da Policía Local, que por iniciativa propia se pon a indagar de que maneira pode sancionarnos. Esta é unha práctica asfixiante que cremos que se dirixe especialmente contra as organizacións populares e que aspira a laminar as nosas redes, xa que noutros casos as actuacións policiais son moito máis laxas.

Este 28 de abril, o centro social autoxestionado A Hedreira recibiu unha proposta de sanción de 600,01 € por organizar hai un ano un mercadiño de troco de produtos de segunda man no local, do cal non extrae ningún beneficio económico, alegando falta de licencia en base á lei autonómica de emprendemento e competitividade económica. Aquel día a Policía Local acudiu ao centro social con motivo dunha chamada por ruídos, algo que alí comprobou que estaba sobradamente dentro dos límites, e motu proprio púxose a procurar un motivo para multar. A infracción que atribúen á Hedreira vai dos 300,52 aos 30.050,61 € coa posibilidade de peche do establecemento durante un ano. No local da Hedreira realízanse diversas actividades de balde e sen recibir ningún tipo de axuda como teatro, danza, palestras, asembleas de colectivos, proxeccións de filmes e documentais, clases de galego para inmigrantes…

Isto súmase á sanción de 300 € contra o Lumenovo que a Rede Asociativa vén organizando cada ano na contorna da Escola Oficial de Idiomas – Fontiñas polo San Xoán. No último ano, malia comunicar a fogueira ao Concello como se fixo sempre, a Rede Asociativa recibiu a multa por “venda ambulante” en base á ‘Lei Mordaza’ ao dispoñer dunha barra para consumicións, no contexto dunhas festas populares tan relevantes na nosa terra sacadas adiante co traballo voluntario de compañeiros e compañeiras, e das que incluso desfrutaron algúns membros do goberno municipal.

Lumenovo asociativo 2022

O pasado 1 de abril, o centro social Mádia Leva organizou un acto en conmemoración aos Mártires de Carral na praza que leva o seu nome. Co permiso dos donos do predio, colocouse debaixo da placa que indica o nome da praza outra placa en conmemoración dos mártires e da Revolta Liberal e Galeguista de 1846. A Policía Local retirouna, deixando no seu lugar unha enorme mancha de pegamento, dicíndolle a unha veciña que facían iso porque os homenaxeados eran uns comunistas. O Mádia Leva restaurou a placa o día 26 tras recuperala do depósito municipal, unha metáfora perfecta do que parece que queren facer con nós: levarnos ao depósito do esquecemento.

Mural borrado de Lugo Sen Mordazas 2018

Por non mencionar episodios da lexislatura anterior, como a eliminación dun mural do Mádia Leva dedicado a Manuel María ou o borrado en cousa de 24 horas de dous murais realizados por Lugo Sen Mordazas, un dos cales consistía nunha viñeta de Castelao pintada nunha parede que antes estaba repleta de sinaturas de graffiti solapadas unhas con outras. Todo iso ao tempo que o Concello financia outros murais para presumir de “arte urbana”, mentres aquilo que non pasa polo institucional e o privado queda fóra. Arte urbana, para quen? O espazo público, para quen?

Estas situacións esperpénticas serían impensables décadas atrás. Ninguén imaxinaría hai vinte anos que unha asociación de veciños puidese ser sancionada por ter unha barra con cervexa ou por organizar un pequeno mercadiño no local do barrio, pero está acontecendo en Lugo, aínda baixo un suposto goberno progresista do PSOE e BNG, onde ningún dos dous partidos se pronunciou sequera sobre estas situacións.

Ante esta deriva alarmante, que erosiona o tecido asociativo e deixa fóra do encaixe xurídico a quen poñemos os nosos esforzos ao servizo do común, demandamos que se non se nos vai axudar polo menos non se nos poñan impedimentos para a vida social. Xa abonda de sermos sancionadas ou discriminadas. As abaixo asinantes apoiamos estes colectivos e centros sociais e reivindicamos implicación institucional, vontade política, que se poña freo á liña persecutoria que está a seguir a Policía Local, que se nos facilite a realización de actividades e, sobre todo, queremos que o tecido asociativo deixe de estar sometido á burocracia e á regulación á que se está a someter, xa sexa a nivel autonómico ou municipal, para non quedar a expensas dunha lexislación que boicotea as organizacións populares.

——————————–

Podes apoiar asinando o comunicado. Para iso baixa e enche o oco de «comentario» e apoia ben como colectivo, asociación ou individualidade. Iranse engadindo ao documento.

Descarga a octavilla denunciando estes feitos, aquí.

——————————–

Colectivos que asinan:

Lugo
A Chave das Noces
Adega-Lugo
Asemblea de Humanidades
Asociación Cultural Chimchiribote
Asociación de inmigrantes y retornados Rioplatenses
Asociación pola defensa do Parque de Rosalía
Avante LGBT+ Lugo
Banco do Tempo Lugo
CCOO Lugo
CNT-AIT Lugo
CS Mádia Leva!
CSA A Hedreira
CS-CA Vagalume
Leira
Lugo en bici
Plataforma contra a Impunidade do caso Carioca
Plataforma Feminista de Lugo
Stop Desafiuzamentos Lugo
Teleclube-Lugo
Trécola Producións
Sete Outeiros
Xestar, parir, criar

Galiza
A Casa Obreira
A Gentalha do Pichel
A Comuna
Acéfala
Ardora
Asociación Cultural Fuco Buxán
Asociación Ecoloxistas en Accion Galiza
Asociación Nove Refachos
Associaçom cultural Xebra
Bastiana
C.S.A. do Peixe
C.S. A Cova dos Ratos
C.S. A Pedreira
C.S. A Revolta do Berbês
C.S. Fuscalho
Ceivar
CNT Coruña
Colectivo Terra
Comunidade Saharahui en Galiza
Ergosfera – colectivo arquitectos
Faisca
Grupo Humanidade Libre F.A.I
Movemento Veciñal de Neda
O.D.S. Coia
Refuxios da Memoria
Sindicato Labrego Galego
Sos Racismo Galicia
Xuventude Comunista

Novas adhesións

A Semente Lugo
Asociación Reiki Lugo
Brigadas Lucenses Siareiros 2001
Centro Social Gomes Gaioso
Fadas
Menino Morreu
Taller de solidaridad

——————————–

Podes apoiar asinando o comunicado. Para iso baixa e enche o oco de «comentario» e apoia ben como colectivo, asociación ou individualidade. Iranse engadindo ao documento.

——————————–

One thought on “Comunicado contra as sancións a colectivos e asociacións de Lugo

Comments are closed.