Quen somos

Que é A Hedreira?

A Hedreira é un centro social autoxestionado na cidade de Lugo. Nace do desexo de construírmos un espazo de confluencia social e da necesidade de ter un lugar de encontro, xa que consideramos que é mais doado materializar as ideas cando compartimos o espazo.

Móvenos a solidariedade, o apoio mutuo, a xustiza social, a creación colectiva e a defensa do territorio. Buscamos un espazo autoxestionado onde a comunidade e a cooperación substitúan a visión atomista, heteropatriarcal, de competitividade e de progreso egoísta. Exploramos vías diversas de organización social, creando vínculos comunitarios e fins colectivos, promovendo o pensamento crítico, compartindo espazos, recursos, ferramentas ou saberes e xerando alternativas a un modelo de sociedade profundamente desigual que mantén a tantos millóns de persoas na pobreza e a dependencia.

Reivindicamos tamén a posibilidade de acceder a unha cultura alternativa que non reduza a nosa vida social a unha versión estritamente mercantil, que nos obriga a vivir como meros poboadores dun espazo público limitado ao consumo e á circulación, facéndonos esquecer aquelas posibilidades que xorden cando se habita comunalmente. Buscamos a auto-organización como forma de relacionarnos, apartándonos das dinámicas que nos converten a todas en “usuarias ou clientes”.

Por todo isto somos A Hedreira e como as hedras medramos, apoiándonos unhas nas outras, subimos muros e entretecémonos creando comunidade. Veciñas con miradas diversas pero conectadas, con ganas de sentarnos xuntas, recuperar debates, expresar inquietudes e crear tecido social dun xeito horizontal e aberto.

Que facemos?

Organizamos charlas e xornadas e temos actividades fixas como obradoiros de costura, teatro e danza en movemento, pole dance, capoeira, k-pop, cineforum, hai aulas de galego para inmigrantes, etc. Dispoñemos de biblioteca e somos un lugar de encontro e intercambio, entre outros do colectivo do Banco do Tempo de Lugo e Radio Fenda. Somos tamén un espazo para un lecer diferente.

Podes consultar todas as actividades fixas e os horarios aquí.

Como funcionamos?

Como centro social autoxestionado funcionamos a través das asembleas, o consenso, a horizontalidade, libre de xerarquías e de subvencións.

Todo isto constrúese mediante a implicación e o compromiso das diferentes persoas que habitamos o espazo, onde nos atopamos diversas personalidades e ideoloxías, desde abaixo e á esquerda, buscando construír colectivamente. É grazas as cotas dxs compañeirxs que podemos manter o local.

Non funcionamos como unha asociación ao uso: todas contamos por igual e todas podemos gozar do centro social en base aos principios que imos acordando xuntas e o compromiso co espazo. Local social, cultural e político, pero apartidista (sen vinculación a ningún partido político).

Aquelas actividades que se queiran levar a cabo na Hedreira pasan por asemblea para que entre todas debatamos a proposta.

Onde estamos?

Estamos na Rúa Catasol, 17 baixo (Lugo).

Se che gusta o que les e queres formar parte deste proxecto achégate polo local e fala connosco. E para máis información sobre como colaborar cliquea aquí.

Contactar

Escríbenos a csahedreira@riseup.net